Skip to content Skip to footer

Qué e un petróglifo?

A palabra “petróglifo” úsase para definir os gravados feitos en pedra, independentemente da época á que pertencen, xa que podemos atopalos feitos en distintos momentos históricos e por distintas culturas.

A maioría dos que podemos atopar en Galicia, e especialmente en Campo Lameiro, son da Idade do Bronce, e teñen aproximadamente 4000 anos, sendo o tipo de arte rupestre máis abondoso da nosa prehistoria.Ó ser gravados o xeito no que podemos velos varía moito dependendo das condicións de luz, sendo os mellores momentos aqueles nos que a luz está máis raseira e os sucos producen sombras acusadas. Por este motivo recomendamos a visita nas primeiras horas da mañá ou nas últimas da tarde. Tamén resultan máis visibles os días de choiva ou de noite usando lanternas.

Os motivos representados divídense en xeométricos (círculos concéntricos, coviñas, espirais…) e naturalistas (animais coma cervos ou cabalos, persoas, representacións de armas, ídolos…).

Os petróglifos dada a súa antigüidade, e tamén o feito de atoparse ó aire libre, son un patrimonio fráxil que debe ser coidado. Debemos evitar sempre pisar as rochas que teñen gravados, así como remarcalos ou pintalos de calquera maneira (sendo esta unha agresión penada pola lei).

Galería de imaxes de petróglifos