Skip to content Skip to footer

Castro de Penalba, Pedra da Serpe

Iniciar unha ruta en Google Maps

O Castro de Penalba é un dos castros máis antigos que coñecemos en Galicia, xa que ten unhas datacións dos séculos IX e VII a. C. , o que fai pensar que pode ser un asentamento a cabalo entre finais da Idade do Bronce (a época na que se realizaron os petróglifos) e a Idade do Ferro (a época na que se construíron os castros).


Ten unha ubicación propia destes primeiros momentos da Idade do Ferro , no alto dun outeiro elevado, de pequenas dimensións e sinxelo de defender. As vistas dominan un gran tramo do Val do Lérez, e dos concellos de Campo Lameiro e Cotobade, sendo un dos puntos máis visitados de toda a zona.


Realizáronse varias campañas de escavación en distintos momentos dos anos 80 do século XX, que permitiron documentar varias cabanas circulares e algongadas de materiais perecedeiros (madeira e pallabarro), restos de sementes, cerámica e outros utensilios da vida cotiá. Destaca entre os achádegos un puñal afalcatado realizado en ferro.


Para coñecer máis sobre este xacemento pódese consultar a web de Trazas de Pontevedra, un proxecto da Deputación de Pontevedra para a posta en valor de 17 castros de toda a provincia, e onde poderedes atopar moita información sobre este e outros castros visitables

Na croa do castro atopamos a capela de San Antoniño de Penalba, que data do século XVIII, se ben seguramente se construíse sobre os restos dunha anterior. Tódolos 13 de xuño celébrase unha romaría en honra ó San Antonio, que é unha das festas máis celebradas no concello.


Documentación recente localizada polo párroco Fermín Iglesias Santiago fixo saber que hai unha advocación máis antiga a San Martiño, polo que actualmente o lugar conta con dúas romarías populares, unha de verán (San Antonio) e unha de inverno (San Martiño)..

Un pouco máis arriba da capela, e accedendo polas escaleiras e pasarelas habilitadas, podemos atopar a Pedra da Serpe, un petróglifo que presenta unha cara plana na que se representou unha ou dúas serpes, segundo a interpretación que se siga.

As representacións de serpes son xa propias da cultura da Idade do Ferro, e pénsase que podía ter relación con algún tipo de ritos relixiosos, polo que este gravado sería coetáneo do castro.

Na cultura popular a Pedra da Serpe está vencellada ós rituais de fertilidade, e conserva lendas que nos contan que había que ofrecer unha cunca de leite á rocha para obter o desexado embarazo.

Galería de imaxes

Galería de vídeos


Máis información na web de Trazas de Turismo Rías BaixasDeputación de Pontevedra
https://www.trazas.turismoriasbaixas.com/gl/-/yacimiento-castro-de-penalba