Iniciar unha ruta en Google Maps
Esta área está composta por dous conxuntos de afloramentos con petróglifos, que están moi preto uns dos outros, polo que se poden ver ambos dando un pequeno paseo polo camiño habilitado que os une, e dende o que se pode desfrutar tamén dunha das mellores vistas do Val do Lérez de todo o concello.
Este val explica en parte a gran concentración de petróglifos no concello, xa que o río sería unha gran vía de comunicación na prehistoria, e podemos ver como moitos dos conxuntos de gravados se sitúan nas ladeiras deste val, ou en zonas que o dominan visualmente.



Para ambos conxuntos recomendamos a visita de mañá, xa que pola orientación da zona é o sol das primeiras horas o que proporciona as mellores condicións de luz para ver estes gravados.
Os gravados de Matabois coñécense dende moi antigo e xa foron declarados Bens de Interese Histórico Artístico (o que hoxe en día é BIC) no ano 1974.
Aínda que podemos ver todo tipo de motivos, tanto xeométricos coma naturalistas, destacan especialmente os xeométricos, sobre todo na zona de Pantrigo. Aquí podemos ver complexas combinacións de círculos concéntricos que se sitúan aproveitando as protuberancias e formas das pedras nas que se asentan, xogando co soporte natural para facerse máis visibles.
A área de Matabois é especialmente coñecida polas representacións de armas da Idade do Bronce, podemos atopar puñais e unha posible espada. As representacións de armas son especialmente importantes, xa que nos axudan a datar o conxunto dos petróglifos ó representar os puñais, espadas e alabardas que coñecemos no rexistro arqueolóxico, e que se correspondes cos da Idade do Bronce.
Destacan tamén as pegadas de animais que podemos ver gravadas nalgún dos paneis.
Galería de imaxes














